Thursday 28 de March de 2024

A praia de Caión contará con sete socorristas e un coordinador xeral durante o próximo verán


O contrato foi adxudicado a Top Rescue S.L. por un importe de 68.000 euros.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar a Top Rescue S.L. o contrato dos servizos de salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios que estará operativo na praia de Caión durante o verán, todos os días desde o 15 de xullo e ata o 15 de setembro en horario de 12:00 a 20:00 horas.

Nos próximos tres meses serán un total de sete socorristas máis o coordinador xeral o persoal que se encargará a diario desas funcións para aumentar a seguridade dos bañistas, informar sobre calquera cuestión que afecte á praia e controlar o uso axeitado do areal de acordo ás normativas vixentes e aos condicionantes establecidos pola Bandeira Azul.

Por primeira vez neste ano o servizo de salvamento incorporará unha moto acuática apta para realizar traballos de salvamento, polo que en todo momento estará presente canda menos un socorrista que posúa o título de patrón e que teña experiencia no manexo dese tipo de embarcacións.
O Concello inviste 68.000 euros neste contrato, que é prorrogable para a temporada de verán do ano 2023.

Licencias urbanísticas
Na Xunta de Goberno Local tamén foron concedidas tres licencias urbanísticas, das cales dúas son para a construción de sendas vivendas unifamiliares nos núcleos de A Calvela (parroquia de Golmar) e A Fonte da Canle (Vilaño).